Rematado o primeiro trimestre déixovos un vídeo con algunhas das
actividades que realizamos ao longo destes tres meses, desde os nosos
primeiros días no cole, onde nos adicamos a poñer a clase ao noso gusto e
a coñecer rutinas e normas, ata o noso festival de nadal, que espero
que o gozásedes coa mesma ilusión coa que o preparamos. Neste tempo, os
nosos pequenos terminaron de cumprir todos os tres anos, celebrando así
os aniversarios de Sara Rodriguez (coñecida por todos os seus
compañeiros por Sarita, pois sabedes que en clase somos unhas cantas
Saras e temos que diferenciarnos), despois estiveron de aniversario
Victoria e Sofía e o último cumpre que celebramos foi o de Santiago. Xa
estamos impacientes por celebrar os aniversarios do ano que ven, nos
cales nos converteremos en mozos de 4 anos e é que a aventura da vida
pasa moi rápido. Neste primeiro trimestre aprendemos moitas cousas, as
letras, sobre todo a dos nosos nomes e a dos compis e aos poucos
aprenderemos a escribilas, realizamos o proxecto do outono e das cores e
xa nolo sabemos case todos, traballamos as formas xeométricas, estamos a
iniciarnos no conteo e todo iso a través de diferentes técnicas...
picar, rasgar, uso de pinceis, manexo do lapis, uso de materiais da
natureza... Ademais, este trimestre veu cargado de festas como o Magosto
e o Samaín, fomos ao horto para plantar landras para na primavera poder
repoboar os nosos bosques que tanto sufriron cos incendios deste
outono. Noutra banda, aprendemos a usar a nosa biblioteca do cole e o
máis importante, cada vez somos máis autónomos e independentes e entre
todos axudámonos moito. Por todo isto, os peques de 3 anos B e a profe
Sara deséxanvos FELIZ ANINOVO. Estamos listos para comezar a aventura
que nos depararán estes 365 días do 2018 :)
Aproveito a ocasión para convidarvos a visitar o blog dos nenos de 3 anos B, que pouco a pouco vai tomando forma (grazas pola vosa paciencia)
http://omundodosmeninos.blogspot.com.es/2017/12/