viernes, 8 de abril de 2016

O HORTO DO POMBAL BOTA A ANDAR!

Pois si! Unha vez feitas as inscricións e distribuído o alumnado nos tres días que dedicaremos ás tarefas do horto (luns, mércores e venres), comezamos a poñer en marcha este proxecto escolar. Facémolo cun mes de atraso respecto ao inicialmente previsto, pois o mal tempo de marzo non o permitiu antes. Ante as numerosas inscricións recibidas, decidimos dar prioridade aos rapaces de 6º (que deixarán o cole este curso, polo que o resto terán máis anos para tomar parte) e aos que tiveran todas as materias aprobadas e bo comportamento.

Antes de sementar e plantar, estamos preparando a terra. Para iso, primeiramente temos que cavar e sacar as pedras e outros obxectos que imos atopando, sempre respectando aos vermes que aparecen e que son os nosos aliados para ter unha terra rica e produtiva. Trataremos de limpala e aireala ben antes de plantar, que será a segunda fase. Despois coidaremos e regaremos o plantado, vixiando que as malas herbas e os paxaros non os estropeen para poder degustar dunha ensalada caseira a final de curso!

Hai que salientar as condicións especiais que reúne o noso horto: non usamos produtos químicos, empregamos o compost que estamos a facer cos restos de comida e falamos en galego!

Seguiremos informando dos avances, que con certeza serán moitos. Podedes ver algunhas fotos nesta presentación. Se dá erro, preme AQUÍ.


No hay comentarios:

Publicar un comentario